Guía Normativa de Igualdade nas Empresas

3. Empresas de 50 ou máis persoas traballadoras

Obrigas legais específicas segundo a normativa vixente

3.1. Plan de igualdade

Obrigatoriedade e prazos

Toda empresa con 50 ou máis persoas traballadoras está legalmente obrigada a elaborar, aplicar e rexistrar un Plan de Igualdade (art. 45 da Lei 3/2007 e RD 901/2020). Esta obrigación é de aplicación mesmo se o número de traballadores/as descende despois de superar ese umbral.

O prazo para iniciar a negociación é de 3 meses desde que se supera o limiar de 50 persoas. A implantación debe completarse en 12 meses desde entón.

Diagnóstico de situación

Antes da redacción do plan, debe realizarse un diagnóstico negociado, que analice, entre outros:

  • Proceso de selección e contratación
  • Clasificación profesional
  • Formación e promoción
  • Condicións laborais e auditoría retributiva
  • Exercicio corresponsable da vida laboral e familiar
  • Infrarrepresentación feminina
  • Retribucións
  • Prevención do acoso sexual ou por razón de sexo

Contido mínimo

Segundo o artigo 8 do RD 901/2020, os plans deben incluír:

  • Obxectivos concretos e medidas avaliables
  • Cronograma de execución
  • Recursos asignados
  • Sistema de seguimento, avaliación e revisión
  • Comisión de seguimento paritaria
  • Procedemento de resolución de discrepancias

Negociación e rexistro

Debe negociarse coa representación legal das persoas traballadoras. O plan será inscrito obrigatoriamente no Rexistro de Plans de Igualdade, accesible ao público

3.2. Igualdade retributiva

Rexistro retributivo

Obrigatorio para todas as empresas, pero no caso das de ≥50, debe estar integrado dentro do Plan de Igualdade. Inclúe:

  • Salarios, complementos e extrasalariais
  • Desagregación por sexo e por categoría profesional
  • Medias e medianas

Auditoría retributiva

Tamén obrigatoria segundo o RD 902/2020 para as empresas que elaboren Plan de Igualdade. Esta auditoría:

  • Analiza posibles fendas salariais
  • Examina obxectividade na valoración dos postos
  • Formula recomendacións e medidas correctoras

Transparencia salarial

O principio de igual retribución por traballo de igual valor obriga a valorar obxectivamente os postos segundo criterios de adecuación, totalidade e obxectividade

3.3. Medidas planificadas para a igualdade LGTBI

Obrigatoriedade legal

As empresas con máis de 50 persoas están obrigadas a dispoñer dun conxunto planificado de medidas LGTBI, incluído un protocolo contra o acoso e a violencia (RD 1026/2024).

Contido mínimo (Anexo I)

  • Cláusulas de non discriminación por orientación ou identidade
  • Medidas de visibilidade e sensibilización
  • Accións de acceso ao emprego e promoción inclusiva
  • Formación en diversidade LGTBI
  • Presenza visible nos valores da empresa

Protocolo contra o acoso LGTBI (Anexo II)

Debe incluír:

  • Mecanismos de denuncia confidenciais
  • Medidas preventivas e formativas
  • Canles de actuación inmediata
  • Cobertura para persoas en proceso de selección, provedores e visitas

Procedemento

As medidas planificadas deben negociarse coas persoas representantes e rexerse por un procedemento semellante ao dos plans de igualdade.

3.4. Conciliación e corresponsabilidade

As empresas deben garantir os dereitos legais de conciliación da vida laboral, persoal e familiar:

  • Permiso de paternidade e maternidade (en igualdade de condicións)
  • Redución de xornada por coidado
  • Excedencias para coidados familiares
  • Medidas para favorecer a corresponsabilidade entre homes e mulleres

Ademais, é recomendable incluír:

  • Flexibilidade horaria
  • Teletraballo regulado
  • Servizos de apoio á conciliación (como escolas infantís ou convenios con gardarías)

Resumo:
As empresas de 50 ou máis traballadores e traballadoras teñen unha serie de obrigas legais que esixen unha planificación sistemática, transversal e con participación sindical para garantir a igualdade e a non discriminación. O cumprimento destas obrigas non só evita sancións, senón que mellora o ambiente laboral, a produtividade e a reputación da organización.

Obrigas legais (Empresas ≥ 50 persoas traballadoras) Normativa de referencia Periodicidade / prazo
Dispoñer dun Plan de Igualdade Lei 3/2007, RD 901/2020 12 meses desde obrigación
Realizar un diagnóstico negociado RD 901/2020, art. 7 Previo ao Plan de Igualdade
Rexistro do Plan de Igualdade RD 901/2020, art. 11 Unha vez aprobado o plan
Rexistro retributivo RD 902/2020, art. 5 Anual
Auditoría retributiva RD 902/2020, art. 7 Segundo vixencia do plan
Medidas planificadas LGTBI (obriga para empresas > 50 persoas traballadoras RD 1026/2024 Desde entrada en vigor ou superación de 50 persoas traballadoras
Protocolo contra o acoso e a violencia LGTBI (obriga para empresas > 50 persoas traballadoras) RD 1026/2024, Anexo II Desde entrada en vigor
Protocolo contra o acoso sexual ou por razón de sexo Lei 3/2007, art. 48 Permanente
Medidas de conciliación e corresponsabilidade Lei 3/2007, art. 44 Segundo situacións individuais